Skip to main content

Preguntas frecuentes

1. Como podo facerme socio/a da Asociación Arxilarte?

Para facerche socio/a, primeiro debes completar unha folla de preselección dispoñible no noso formulario de inscrición. Despois, serás engadido/a a unha lista de espera, e contactarémoste cando haxa unha praza dispoñible. Unha vez te notifiquemos, organizaremos unha visita ás instalacións e explicarémosche o funcionamento do taller.

2. Por que teño que pasar por unha lista de espera?

Debido ás limitacións de espazo e recursos no noso obradoiro, non sempre podemos aceptar a todos os interesados/as de inmediato. A lista de espera permítenos xestionar as inscricións de maneira xusta e eficiente, asegurando que cada socio/a teña acceso adecuado ao espazo e ás ferramentas dispoñibles.

3. Que tipo de formación ofrecédesme segundo o meu nivel de experiencia?

Se es principiante, proporcionaremos formación básica para que poidas empezar a traballar cos procesos máis sinxelos. Ademais, a asociación organiza talleres específicos de técnicas cerámicas ou talleres de iniciación, impartidos por alguén encargado de proporcionar a formación necesaria segundo o teu nivel.

4. Cales son os horarios do obradoiro?

Os horarios poden variar ao longo da tempada. Ao comezo de cada tempada, confirmaremos cos socios os horarios dispoñibles, facendo os cambios necesarios se houbera algunha modificación. Os socios organizan e xestionan os seus tempos de uso do obradoiro de forma autónoma, coordinándose para optimizar o acceso de todos.

5. Poderei usar calquera equipo do obradoiro nada máis comezar?

Antes de usar equipos especializados, como o torno ou o forno, será necesario que recibas formación adecuada. Se non estás familiarizado/a co uso dun equipo, deberás notificalo para recibir a asistencia ou formación correspondente.

6. Que tipo de actividades realiza a asociación ademais dos talleres?

Ademais dos talleres regulares, Arxilarte organiza eventos culturais, exposicións, feiras de artesanía, e proxectos artísticos colaborativos. Estas actividades buscan promover o arte da cerámica na comunidade e ofrecer oportunidades de aprendizaxe continua para os socios/as.

7. Hai algún custo asociado para ser socio/a?

Si, a cota de socio/a é mensual e actualmente ten un custo de 5 euros ao mes. Esta cota destínase ao mantemento do obradoiro, adquisición de materiais e organización de actividades. Os pagos actualmente fanse por transferencia bancanria cada trimestre de tempada cun total de 2.

8. Poderei vender as miñas creacións na asociación?

Aínda que os socios/as teñen a oportunidade de vender as súas creacións en feiras e eventos, a maioría non o fai, xa que Arxilarte é principalmente un taller de investigación e experimentación no ámbito da cerámica. Inviable a producción.

9. Que ocorre se quero darme de baixa como socio/a?

Podes darte de baixa en calquera momento notificándonos a través do correo electrónico. A cota é mensual, e en caso de baixa, non se reembolsará a parte correspondente ao mes en curso. Ademais, a túa subscrición será cancelada se non asistes ao taller durante un mes sen avisar, xa que existe unha lista de espera longa.

10. Como podo estar ao día das actividades e novas da asociación?

Dado que Arxilarte non dispón de oficina física, moitos dos procesos e comunicacións fanse de maneira electrónica. Informarémosche regularmente das actividades, talleres e eventos a través de correo electrónico e as nosas redes sociais. Asegúrate de que os teus datos de contacto están actualizados para non perder ningunha comunicación.

11. Cubrir Folla de asistencia

É obrigatorio facer "check-in" na folla de asistencia en cada sesión. É vital para que o seguro sexa efectivo. Lembra que se permite un máximo do 25% de ausencias trimestrais xustificadas para manter o dinamismo do grupo.

12. Faltas Asistencia ao obradoiro
As persoas socias de Arxilarte comprométense a manter unha asistencia regular ao obradoiro. Permítese un máximo do 25 % de ausencias por trimestre, o que equivale, a modo orientativo, a 3 sesións sobre un total de 12 no caso de asistencia dun día por semana. Calquera falta deberá ser xustificada. A superación deste límite ou a existencia de ausencias reiteradas e non xustificadas poderá dar lugar á proposta de baixa como membro da asociación.
13. Solicitude de servizos de creación de premios e trofeos
Se es un colectivo asociativo, entidade pública ou calquera persoa ou organización interesada nos servizos de creación de premios ou trofeos, deberás poñerte en contacto connosco por correo electrónico, explicando brevemente o que precisas, o número aproximado de pezas e a data prevista. Con esta información poderase concertar unha reunión para concretar detalles e valorar a proposta.